Tuesday 30 de April de 2024

Comercios da Pobra sacan á rúa os seus produtos e servizos do día 12 ao 14 de agosto


Establecementos de alimentación e moda converterán a praza do Emigrante nunha feira ao aire libre nunha nova edición do Comercio na rúa, que se desenvolverá do día 12 ao 14 de agosto. O horario de apertura será de 11.00 a 23.00 horas, coa presenza de LuscoFusco, El Armario de Mi Amiga, Burbujas, Fina Campaña e Carey.

A maiores, para anima-lo ambiente, no domingo 13, ás 21.30 horas, haberá un concerto da pobrense Alba Fernández.

Xunto coa técnica municipal da Promoción Económica, Sara Sánchez, e Rosalía Pouso, en representación dos negocios participantes, a concelleira Amparo Cerecedo incide na importancia que ten para a Administración local segui-la liña estratéxica de impulsar iniciativas que contribúan a dinamiza-la vida económica do municipio, ao incentiva-las compras no comercio de proximidade e facilitarlle unha maior proxección a estes negocios e os produtos que venden aproveitando o bo tempo e a afluencia de xente nesta época estival.

A edil tamén anunciou unha novidade con relación a anteriores convocatorias desta acción: persoal especializado impartirá formación teórico-práctica sobre márketing visual no sábado 12, a partir das 09.00 horas. Este taller de balde está aberto non só aos establecementos que forman parte desta edición, senón que tamén se dirixe a todos aqueles que desexen adquirir competencias neste ámbito.

Para dar a coñecer esta iniciativa tamén se repartiron flyers nunha vintena de locais hostaleiros do municipio para a súa difusión e para a divulgación de máis información.